Hola a tod@s,
Os recordamos que la UDC ofrece cursos de verano para los estudiantes. A lo mejor alguno os puede resultar interesante.
A UDC oferta 15 cursos de verán de temática moi variada
A Coruña, 29 de xuño de 2012.- A Universidade da
Coruña oferta este ano un total de 15 cursos de verán, centrados en
diversas áreas de coñecemento e repartidos entre os meses de xuño, xullo
e setembro. Tras o curso xa celebrado sobre educación infantil e o que
se está a desenvolver sobre deseño mecánico, para o mes de xullo están
previstos un total de once cursos. Na primeira semana desenvolveranse
diversas propostas que abranguen desde novas tecnoloxías ata ciencias
sociais. Así, entre os días 2 e 6 realizarase un curso sobre deseño
mecánico en 3D na Escola Universitaria Politécnica, en Ferrol, cunha
duración de 20 horas. Para as mesmas datas está programado o curso
titulado “Estratexias cidadás para tempos de crise”, unha novidosa
temática que ten como obxectivo analizar os efectos que sobre o
urbanismo tivo a crise económica e reflexionar sobre as estratexias que
cómpre seguir para reconducir a forma e a vida urbanas a partir da
situación presente, desde o punto de vista da xestión ambiental e social
da arquitectura e da paisaxe urbana. O curso celebrarase no FORUM
Carballo - Casa dos Oficios desta localidade, e está organizado pola
Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña.
Tamén na primeira semana de xullo, entre os días 4 e 6, celebrarase
na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Elviña un obradoiro
do chamado Teatro do Oprimido para a Transformación Social e Educativa,
que se presenta como unha metodoloxía que a través de xogos, exercicios e
técnicas teatrais procura a desmecanización física e intelectual dos
participantes, estimulando a busca de alternativas para a vida cotiá.
O Futuro da Unión Europea II: Demografía, Educación e Sustentabilidade é
o título do curso que terá lugar tamén do día 4 a 6 de xullo na
Facultade de Economía e Empresa, co obxectivo de concienciar aos
estudantes respecto dalgúns desafíos importantes que afectan ao futuro
da UE ao medio e longo prazo. O 5 e 6 de xullo analizarase a “Educación
no Sector Turismo: O Novo Contexto Económico-Social” na Aula de
Formación da Casa da Cultura do Concello de Sada, nun curso organizado
pola Facultade de Economía e Empresa, no que se achegará unha visión do
sector e as súas perspectivas futuras, definindo as principais forzas
que está a impulsar o novo modelo de actividade turística.
Na segunda semana de xullo están previstos catro cursos. O primeiro
deles centrarase tamén no turismo, analizando a evolución do turismo no
marco da sociedade global, nunhas sesións que se desenvolverán no Forum
Carballo do 10 ao 13 de xullo, organizadas pola Facultade de Socioloxía.
Para o 11 ao 13 de xullo está previsto o II Curso de Verán sobre
Economía do Deporte na Facultade de Economía e Empresa, abordando os
temas de actualidade máis debatidos no ámbito das implicacións
socioeconómicas tanto da práctica deportiva como do deporte profesional.
Nas mesmas datas celebrarase o I Seminario de Coaching, titulado
“Desafiate!! O Novo Lema do Líder”, que terá como sede o Pazo de
Lóngora, en Oleiros, e ten como obxectivo establecer ferramentas para
traballar a intelixencia emocional, o coaching e mais os novos retos das
persoas no mercado do traballo en grupo.
Na segunda quincena de xullo celebraranse dous cursos. o primeiro
deles, titulado VIII Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística,
Traballando en Lingua. Dinamización Lingüística e Xustiza Social, terá
lugar no Forum Carballo do día 18 ao 20, organizado polo Servizo de
Normalización Lingüística da UDC, e o segundo centrarase en “Ciencias
Sociais, Educación e Sociedade: Pasado, Presente e Futuro”, e se
celebrará na Facultade de Ciencias da Educación entre os días 30 de
xullo e 1 de agosto. No mes de setembro están previstos dous cursos. O
primeiro deles leva por título “Emprender: Unha Perspectiva de Xénero”, e
se celebrará entre os días 17 e 19 de setembro na Facultade de Economía
e Empresa co obxectivo de transmitirlles aos homes e mulleres a
necesidade de emprenderen, non só creando empresas senón tamén cunha
actitude proactiva no seu traballo. Ofreceranse obradoiros, información
sobre viveiros de empresa e exposición de experiencias emprendedoras,
centrándose en concreto en casos de mulleres.
Esta convocatoria de cursos de verán finalizará coas xornadas
tituladas “Da Fotografía ao Cinema: Pegadas do Real”, organizadas pola
Área de Cultura da UDC, que se celebrarán no Salón de Actos do Campus de
Esteiro, Ferrol, os días 27 e 28 de setembro. Neste curso analizaranse
as relacións entre a fotografía e o cinema desde unha perspectiva
interdisciplinar, que inclúa as teorías sobre a fotografía no cinema, os
modelos de análise da imaxe, os estudos das obras de cineastas que
tamén son fotógrafos ou viceversa, ou a análise da fotografía por parte
de profesionais que son asemade teóricos, como o caso de Joan
Fontcuberta.
Os interesados en matricularse ou recabar máis información sobre esta convocatoria poden consultar a páxina web da UDC (
http://www.udc.es/occ/gal/2012/cursoveran/Matricula.htm).